Sunday 19 de May de 2024

Nava Castro destaca a relevancia das publicacións e dos estudos científicos na consolidación do fenómeno Xacobeo


A directora de Turismo de Galicia presentou dous publicacións de gran valor no afondamento da cultura xacobea e franciscana enmarcadas na celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interveu no acto de presentación do libro Viaje de San Francisco de Asís a España, 1214 e do manuscrito Algunos cortes de arquitectura. Dous publicacións de gran valor no afondamento da cultura xacobea e franciscana enmarcadas na celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Durante a presentación a directora de Turismo de Galicia resaltou que a través das publicacións e estudos científicos vaise configurando un corpo sobre o que se sustenta o mundo xacobeo e que supón o legado que transmítese ao longo dos séculos.

Segundo explicou Nava Castro, o libro Viaje de San Francisco de Asís a España, 1214, recolle o traballo do Padre Atanasio López que no ano 1914 sacaba á luz a publicación máis completa sobre a vida de San Francisco en España na revista franciscana de estudos históricos fundada por el, o Archivo Ibero-Americano.

A través deste magnífico libro, Hipólito Barriguín, arquiveiro do convento de San Francisco de Santiago, introdúcenos na vida e obra do frei Atanasio López, ao que define como “un dos relixiosos máis grandes que tivo a provincia Franciscana de Santiago logo da Restauración”, para darlle deseguido paso á transcrición da publicación de 1914 que inclúe algunhas correccións que o mesmo Atanasio López fixo en 1926.

Ademais, a publicación inclúe un apéndice iconográfico e documental que amosa algunhas obras de arte e documentos do convento de San Francisco de Santiago, ademais dunha descrición da capela de San Paio do Monte ligada pola tradición e a lenda ao citado convento.

Pola súa banda, o manuscrito Algunos cortes de arquitectura, constitúe un valioso estudo, a cargo de Miriam Elena Cortés López, deste caderno manuscrito recentemente localizado nos fondos do Arquivo Provincial de San Francisco de Santiago e que, probablemente, constitúa un dos primeiros testemuños desta índole dentro do ámbito da literatura artística galega.

A través do dito estudo a autora dá a coñecer este valioso testemuño do arquitecto compostelán do século XVIII ampliando o panorama das artes galegas e presentándoo de xeito accesible a todas aquelas persoas interesadas en coñecer aspectos un pouco máis concretos da Historia da Arte.

Así mesmo, o libro amplía os datos biográficos deste artista e analiza o que se presenta na obra, relacionándoo co contexto histórico-artístico no que se crea e engadindo a transcrición íntegra do documento.

A directora de Turismo lembrou que estas publicacións, súmanse a outras grandes edicións relacionadas con San Francisco realizadas con motivo da conmemoración do Oitavo Centenario. Así, Nava Castro destacou, entre outras publicacións, a versión galega do libro As Floriñas, traducido do italiano medieval por Darío Xohán Cabana, un dos grandes expertos mundiais en literatura medieval italiana, e magnificamente ilustrada por Darío Basso, ou o Cómic de San Francisco de Asís, grazas ao cal podemos coñecer dunha maneira amena e divertida a vida de San Francisco de Asís e a súa peregrinación a Santiago de Compostela.

De igual modo, a responsable de Turismo da Xunta de Galicia lembrou o traballo dos voluntarios e dos integrantes das Asociacións de Amigos do Camiño e recordou que no próximo mes de xuño a cidade de Santiago acollerá o Primeiro Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño. “Será a primeira vez que unha convocatoria destas características reúna en Galicia a representantes das máis de 300 agrupacións que realizan en diversos países repartidos por todo o mundo esta importante labor de difusión e promoción das rutas xacobeas e que son verdadeiros embaixadores de Galicia nos seus países de orixe”, explicou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia concluíu destacando que o Camiño de Santiago converteuse no eixe vertebrador da oferta turística de Galicia e, nesta liña, sinalou que no que vai de ano recolleron a súa Compostela un total de 1.525 peregrinos. “Isto supón un récord histórico”, afirmou, e engadiu “só en Galicia está a meta do Camiño e isto convértenos nun lugar único no mundo”.